O Anteproxecto do Decreto do Bilingüismo discriminará a lingua galega no ensino e provocará serios conflitos na comunidade educativa

O novo decreto non garantirá o equilibrio efectivo entre as dúas linguas oficiais no ensino e desprotexe o galego, especialmente na etapa de infantil. O avance do anteproxecto relega a promoción da lingua galega ás actividades de fomento e ao compromiso persoal do profesorado.

A Coordinadora Galega de ENDL valora negativamente que o Anteproxecto do Decreto do Plurilingüismo, cuxas liñas xerais deu a coñecer onte a Consellería de Educación, non desenvolve os preceptos da Lei de Normalización Lingüística (LNL) como si facían os decretos anteriores.

Así unha lexislación que debería desenvolver a LNL, creada para protexer a lingua propia de Galicia que está en situación de desequilibrio social respecto do castelán, ponlle límites á súa normalización no ensino: por un lado, establece máximos na distribución horaria para o galego cando nunca se cumpriron os mínimos marcados nos Decretos 247/1995 e 124/2007; e, por outro lado, afonda nos prexuízos cara a unha lingua que está en retroceso ao transmitir que non é válida para todos os campos do saber posto que impide que sexa a lingua vehicular para as materias do ámbito científico-tecnolóxico.

A CGENDL entende tamén que é un decreto que non vai garantir o equilibrio entre as linguas oficiais en ningunha das etapas educativas. Por exemplo, na ESO establece que se impartan en castelán as materias de tres departamentos (Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía) que teñen máis presenza horaria cás que se teñen que dar en galego. A discriminación do galego vese agravada pola falta de recursos para que o profesorado imparta algunhas das materias restantes nesta lingua, posto que na maior parte das áreas non existen en galego nin libros de texto nin outro tipo de materiais didácticos necesarios para as aulas. Polo tanto, o desequilibrio entre o galego e o castelán acentuarase ao tratar de maneira desigual dous idiomas que parten dunha situación diferente tamén neste ámbito. No Ensino Infantil o galego queda totalmente desprotexido e o pretendido equilibrio entre as dúas linguas non se recolle por ningures. A falsa liberdade de elección das familias provocará conflitos xa que parte dunha visión excluínte das linguas a través dunha votación na que haberá perdedores e gañadores. Dende a perspectiva pedagóxica, resulta rechamante que se dea un trato individualizado aos alumnos da lingua “non predominante” nunha etapa, como a Infantil, que se basea nun enfoque integrador das diferenzas e na que se debe dar o asentamento da aprendizaxe das linguas.

Pese a que o goberno galego fai seu o noso lema, “As linguas suman”, neste decreto subxace a idea de que o galego resta. Neste avance do decreto, vemos con preocupación que a consellería debuxe unha división entre materias importantes e materias de segunda, entre troncais e non troncais, terminoloxía allea a unha educación, a do ensino obrigatorio, no que todas as áreas teñen unha misión educativa global. Fixando a lingua nas materias consideradas de primeira, a Consellería demostra o seu descoñecemento do proceso pedagóxico e desprestixia socialmente unha serie de materias e a formación e o traballo de milleiros de docentes. Por outro lado, o desinterese para xestionar un sistema educativo que garanta a adquisición de competencias lingüísticas en galego a través do seu uso nas diferentes materias explica que este decreto reduza o fomento do galego á vontade do profesorado de dar aulas nesta lingua, na que o alumnado non ten que expresarse, e á organización de actividades extraescolares que nunca se dirixirán ao conxunto do alumnado.

Por último, e á espera de coñecer o texto completo, a CGENDL lamenta profundamente que se traslade a responsabilidade na toma de decisións ás familias e aos centros educativos conducíndoos ao caos organizativo e convertendo a comunidade escolar nun foco de conflitos

Advertisements

8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora

O nacemento do Día Internacional da Muller, ó contrario do que se pensaba, non radica nun acontecemento illado, senón que debemos situalo nun contexto histórico e ideolóxico moito máis amplo.

CARMÉ LÓPEZ (Mujer actual)

Esta é unha celebración que as Nacións Unidas declararon no ano 1978, pero que ten a súa orixe no ano 1908 en Nova York.

Se queredes máis información sobre esta data atoparédela na Web de Norberto.

Na seguinte ligazón tendes unha webquest para traballar esta conmemoración cos nenos de 3º Ciclo de Primaria e a ESO.