Queremos Galego chama a encher a Praza do Obradoiro o 17 de maio

Co lema “O galego, o noso existir”, a plataforma cidadá confía nunha mobilización histórica do pobo galego contra as agresións á nosa cultura e o desmantelamento da oficialidade da nosa lingua-

A Plataforma Cidadá Queremos Galego presentou esta mañá en conferencia de imprensa a campaña gráfica coa que chamará a toda a sociedade galega a unha nova manifestación nacional en defensa da nosa lingua propia o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.

“O Galego, o noso existir” é o lema escollido para unha mobilización “que non hai dúbidas de que será de novo histórica polas súas dimensións”, asegurou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e un dos portavoces de Queremos Galego, Carlos Callón.

A campaña gráfica que nos próximos días chegará a todas as comarcas do país xogará con dúas imaxes: a dunha bola de pan e a dun corazón; a primeira, simboliza “a lingua como sustento, como algo que vincula directamente a existencia material do noso pobo”; a segunda, da mesma maneira que o propio nome da plataforma cidadá “o amor pola nosa cultura e a demanda da súa presenza, para que acade plena normalidade no espazo que lle é propio”. “Quen cre nas potencialidades de Galiza, defende a identidade do país e defende a lingua”, asegurou.

A manifestación do próximo 17 de maio partirá ás 12 da mañá da Alameda de Santiago de Compostela e rematará na Praza do Obradoiro, que Queremos Galego confía en ateigar de novo, como xa acontecera na masiva manifestación contra o decretazo no ensino do pasado 21 de xaneiro.

Para Carlos Callón, a mobilización cidadá que se convoca para o Día das Letras vai servir tamén para “visualizar e afortalar a unidade social existente neste momento arredor da defensa do galego”. “Unha unidade social”, denunciou, “da que só se autoexclúe o Partido Popular, que será o único que non estea mobilizándose na rúa o 17 de maio en favor da lingua e da cultura propias do país”. “Algo”, engadiu, “que debe facer reflexionar moi seriamente ao Presidente da Xunta, que no entanto segue a malgastar diñeiros públicos en atacar o galego”. Nese sentido, o portavoz censurou como “un insulto ás familias que máis padecen a crise económica que se anuncie o investimento público dun millón de euros nunha campaña a favor do decretazo; isto é, dunha campaña contra o galego”. Callón fixo un repaso do “rexeitamento unánime do decretazo” e citou de forma explícita “todas institucións culturais do país, todos os sindicatos, todas as organizacións estudantís, todos os movementos de renovación pedagóxica e, excepto unha, todo o resto das asociacións de nais e pais”. “No PP saben que contan cun rexeitamento unánime e por iso utilizarán fondos públicos nunha macroacción propagandística impresentábel”, sinalou.

Como en ocasións anteriores, a Plataforma Queremos Galego dispoñibilizará en todas as comarcas do país un servizo de autobuses. Unha vez concretadas as rutas e os horarios, poderanse consultar na páxina web queremosgalego.org.

Advertisements

O Anteproxecto do Decreto do Bilingüismo discriminará a lingua galega no ensino e provocará serios conflitos na comunidade educativa

O novo decreto non garantirá o equilibrio efectivo entre as dúas linguas oficiais no ensino e desprotexe o galego, especialmente na etapa de infantil. O avance do anteproxecto relega a promoción da lingua galega ás actividades de fomento e ao compromiso persoal do profesorado.

A Coordinadora Galega de ENDL valora negativamente que o Anteproxecto do Decreto do Plurilingüismo, cuxas liñas xerais deu a coñecer onte a Consellería de Educación, non desenvolve os preceptos da Lei de Normalización Lingüística (LNL) como si facían os decretos anteriores.

Así unha lexislación que debería desenvolver a LNL, creada para protexer a lingua propia de Galicia que está en situación de desequilibrio social respecto do castelán, ponlle límites á súa normalización no ensino: por un lado, establece máximos na distribución horaria para o galego cando nunca se cumpriron os mínimos marcados nos Decretos 247/1995 e 124/2007; e, por outro lado, afonda nos prexuízos cara a unha lingua que está en retroceso ao transmitir que non é válida para todos os campos do saber posto que impide que sexa a lingua vehicular para as materias do ámbito científico-tecnolóxico.

A CGENDL entende tamén que é un decreto que non vai garantir o equilibrio entre as linguas oficiais en ningunha das etapas educativas. Por exemplo, na ESO establece que se impartan en castelán as materias de tres departamentos (Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía) que teñen máis presenza horaria cás que se teñen que dar en galego. A discriminación do galego vese agravada pola falta de recursos para que o profesorado imparta algunhas das materias restantes nesta lingua, posto que na maior parte das áreas non existen en galego nin libros de texto nin outro tipo de materiais didácticos necesarios para as aulas. Polo tanto, o desequilibrio entre o galego e o castelán acentuarase ao tratar de maneira desigual dous idiomas que parten dunha situación diferente tamén neste ámbito. No Ensino Infantil o galego queda totalmente desprotexido e o pretendido equilibrio entre as dúas linguas non se recolle por ningures. A falsa liberdade de elección das familias provocará conflitos xa que parte dunha visión excluínte das linguas a través dunha votación na que haberá perdedores e gañadores. Dende a perspectiva pedagóxica, resulta rechamante que se dea un trato individualizado aos alumnos da lingua “non predominante” nunha etapa, como a Infantil, que se basea nun enfoque integrador das diferenzas e na que se debe dar o asentamento da aprendizaxe das linguas.

Pese a que o goberno galego fai seu o noso lema, “As linguas suman”, neste decreto subxace a idea de que o galego resta. Neste avance do decreto, vemos con preocupación que a consellería debuxe unha división entre materias importantes e materias de segunda, entre troncais e non troncais, terminoloxía allea a unha educación, a do ensino obrigatorio, no que todas as áreas teñen unha misión educativa global. Fixando a lingua nas materias consideradas de primeira, a Consellería demostra o seu descoñecemento do proceso pedagóxico e desprestixia socialmente unha serie de materias e a formación e o traballo de milleiros de docentes. Por outro lado, o desinterese para xestionar un sistema educativo que garanta a adquisición de competencias lingüísticas en galego a través do seu uso nas diferentes materias explica que este decreto reduza o fomento do galego á vontade do profesorado de dar aulas nesta lingua, na que o alumnado non ten que expresarse, e á organización de actividades extraescolares que nunca se dirixirán ao conxunto do alumnado.

Por último, e á espera de coñecer o texto completo, a CGENDL lamenta profundamente que se traslade a responsabilidade na toma de decisións ás familias e aos centros educativos conducíndoos ao caos organizativo e convertendo a comunidade escolar nun foco de conflitos

Orgullosos/as do noso, Orgullosos/as do galego

Durante os últimos dous meses a Coordinadora de ENDL  estivo a preparar a campaña Orgullosos/as do noso, Orgullosos/as do galego que  22 de febreiro presentou publicamente en Compostela. Despois de todo o que se dixo, o que se fixo, e o que se lexislou e se preve lexislar, sobre a nosa lingua, chegou o momento de sacar peito e orgullarnos do noso máis importante sinal de identidade. Porque digan o que digan, nós non imos renunciar ao noso idioma.

Esta campaña está orientada ao ámbito educativo, mais, pola trascendencia do momento que vivimos, tamén á sociedade galega en xeral, que esperamos que se apropie dela. Poderás ver polo miúdo cales son as liñas da campaña na web www.coordinadoraendl.org/orgullo.

Na web da Coordinadora encontrarás videos, materiais para imprimir e distribuír como queiras, cando queiras e con quen queiras, e moitas, moitas persoas coma ti que presumen da nosa lingua, do galego.

Imaxes da manifestación de Santiago

No álbum Picasa de Jorge Melero atoparedes máis de 300 imaxes da manifestación de Santiago

O día que fiquei ensimesmado

 

Artigo de Manolo Rivas no País:

Ten razón o conselleiro de Cultura. A cultura galega está “ensimesmada e acomplexada”. Está pampa. Atónita. Eu diría que Galicia enteira está abraiada. Aloulada. Levítica. Como Santa Teresa, está en “ausencia”. Non me estraña. De Galicia foron desaparecendo cousas até que desapareceu o nome. Iso é o que contan do spot oficial do Xacobeo. Que non hai Camiño, non hai Santiago, non hai Galicia. Lóxico que a xente ande ensimesmada, a tocarse, dispensando, as partes mesmas. Os órganos da existencia. De aí o atinado do lema existencialista dos valados publicitarios: “Agora é cando, Galicia é onde”. De aí tamén a continua invocación do presidente á “maioría silenciosa”. Despois de tanta deconstrución, os galegos andamos todos con cara de encrucillado e de sudoku pola rúa, a preguntar con acenos desacougados: “Onde é Galicia?”. E a xente sae de ler os xornais nos bares como se estivese a profundar nas Faragullas filosóficas de Kierkegaard: “Cando é agora?”.

Todo cadra. En poucos meses pasamos de ser unha nacionalidade histórica a ser unha cousa ignota. De ser un pobo plural e democrático, a estar sometidos ao inextricábel mando dunha “maioría silenciosa”. De ter unha cultura, a ter unha fábrica de pedras contra o propio tellado. De ter un plan de normalización lingüística, a ter unha trapallada. Non me dirán que este caos non é un horizonte apaixonante. Anda a xente aborrecida pola vella e cínica Europa. Xa nada pode épater la bourgeoisie. É a burguesía máis podente a que escandaliza ao resto. En Galicia estamos a vivir unha aventura como a de Perdidos, pero fóra da pantalla. Por iso, o que fai un galego da xeira Feijóo antes de deitarse é ir onde o telescopio e percorrer os barrios das estrelas, as constelacións, o zodíaco, cun cosmopolitismo melancólico: “Onde é Galicia?”.

O que supón un desafío para un xornalista é localizar a Maioría Silenciosa. É un personaxe principal na obra que actualmente se representa en Galicia, mais non a podemos ver no escenario. Levo días preguntando por ela, investigando, esculcando sen éxito. Sei da súa orixe. Deuse a coñecer durante un célebre speech de Richard Nixon, en 1969. Esa dona foi a desculpa que aquel presidente dos Estados Unidos utilizou para soster a súa política belicosa. Malia as protestas civís, malia os extremistas, dicían os voceiros presidenciais, temos o apoio de Maioría Silenciosa. Todos sabemos como acabou a guerra, e como acabou Dick.

A misteriosa dona desapareceu para rexurdir como unha vedete na España dos anos 70, pre e post franquista. A xente que protestaba na rúa contra a ditadura eran unha minoría rabuda. Quen sabía de verdade o camiño era a Maioría Silenciosa. Agora anda por Galicia. Teño de falar con Maioría Silenciosa! Caladiños, caladiños, atopo moitos, mais ningún sabe ou ningún quere levarme onde Maioría Silenciosa. Cóntanme que os admirados comentaristas Carlos Luís Rodríguez e Roberto Blanco Valdés conseguiron unha exclusiva con ela. Que sorte, que envexa, poder confraternizar con Maioría Silenciosa! Saber o que ela pensa, sen intermediarios. Mais un é teimoso, non quere ser menos, e á fin, consigo o encontro coa simpática axuda dos Trobeiros de Compostela (Luís Rial, Miguel Cancio e o Príncipe Galín, intérpretes en Youtube da xenial Y toooooooodo gracias a Feijóo, música de Palito Ortega). Velaí está Maioría Silenciosa, como unha señora meiga. Pero algo lle pasa. Está ollando abraiada para un mesmo punto, coa típica expresión estupefacta da Santa Compaña.

-Are you the Silent Majority?, pregunto por se acaso.

 -Yes, neno, yes -responde con tristura e en voz baixiña, a fitar algo no lugar borroso-. Viches o que fixo Feijóo?

 -E que fixo?

 -Tiña case todo a favor. Pero sentiu a atracción do baleiro. Tirouse e…caeu fóra. Mira que é triste tirarse ao baleiro e caer fóra del.

 Non esperaba encontrarme cunha Maioría Silenciosa tan filosófica, cavilosa e razoábel. Cando este Goberno invoca a Maioría Silenciosa semella que fala dunha gran fera oculta que come e remoe as follas do censo electoral. Sempre me deu que pensar o que José Ortega y Gasset escribiu verbo de Galicia en La España invertebrada: “No he comprendido nunca por qué preocupa el nacionalismo afirmativo de Cataluña y Vasconia, y, en cambio, no causa pavor el nihilismo nacional de Galicia”. Aquí moitos dan por feito que o perigo son os nacionalistas. Mesmo algúns teñen o feo costume de chamarte “nacionalista” sen preguntar se o es, como ese demachiño que leva no móbil o conselleiro Rueda. O seu rudo discurso ten unha raíz autoritaria, o reducir todo ao esquema de Carl Schmitt: ou amigo ou inimigo. Se queres protexer o galego e que es nacionalista, e se es nacionalista es un extremista. Que tiña en común o mar de xente que onte encheu a praza do Obradoiro, o corazón simbólico de Galicia? Non unha ideoloxía, non un carné. Alí estaba a Galicia afirmativa fronte a un Goberno nihilista.

Porque esa é a curiosa conclusión á que chegamos hoxe lendo o que en 1921 dicía Ortega é un século despois o que temos en Galicia non é un pobo nihilista senón un Goberno con esa tendencia ao baleiro. Un Goberno que non procura grandes entendementos da intelixencia, senón que fai estourar as confianzas básicas existentes. Non me estraña nada que o país, a cultura, e até a natureza, todo fique ensimesmado e acomplexado. Velaí un pobo tranquilo encirrado por un Goberno nihilista.

 Malia todo, a miña esperanza está na ensimesmada cultura.

 Informan que grande parte das montaxes futuras do Centro Dramático Galego serán obras de mimo. De primeiras, trátase dunha opción de grande coherencia. Mesmo sen sabelo, e á marxe do valor estético, a escolla do mimo ten un sentido histórico, estratéxico e mesmo lingüístico. Así, como na broma dos terzos infindos, temos un terzo de galego, un terzo de castelán, un terzo de inglés e un terzo de silencio… Mais, en arte, a linguaxe do silencio non é o da “maioría silenciosa”. Samuel Beckett dicía que a súa verdadeira procura era esa linguaxe do silencio. E as pausas silenciosas de Harold Pinter son demoledoras. Se Galicia se converte nunha potencia artística en mimo, se fai arte do silencio, asistiremos a un sublime e ensimesmado corte de mangas.

UNHA FOTO PARA A HISTORIA

O Xornal publica hoxe, 22 de xaneiro, unha foto fermosa que o di todo sen que cumpran máis palabras. Os que acudimos onte á manifestación sabemos da emoción que transmite a fotografía. Unha aperta e a seguir defendendo a nosa lingua. Mila Da Aira.

Decálogo para ser lingüísticamente sostibles

As compañeiras do CEIP de Frián de Teis elaboraron este decálogo a partir do elaborado polos Servizos Lingüísticos das Universidades catalanas.